O Concello de Ponteareas convoca novas axudas para as traidas veciñais de auga

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, mantivo un encontro coas directivas das traidas veciñais de auga no que informou da nova convocatoria de axudas destinadas a obras e equipamentos destes colectivos que se encargan do abastecemento de auga na maioría das parroquias ponteareáns.

A convocatoria deste ano, publicada no Boletín Oficial da Provincia deste mércores, 23 de maio, dá continuidade á realizada por vez primeira en 2018 e, ao igual que nese ano, o importe total das axudas a conceder acada os 150.000 euros que proceden de fondos propios do Concello.

Represas e os representantes das traidas veciñais valoraron moi positivamente a experiencia do pasado ano. O alcalde destacou que as bases que rexen a adxudicación das axudas asegura a igualdade, a equidade e a transparencia na súa concesión. En 2018, un total de 18 traidas veciñais de 14 parroquias resultaron beneficiarias. As cantidades concedidas polo Concello cubriron entre o 50% e o 80% do investimento realizado polos colectivos veciñais. O alcalde adiantou que a súa intención é continuar convocando anualmente as subvencións cun mínimo de 150.000 euros anuais.