O Concello de Ponteareas convida os novos pais e nais a transmitir a lingua galega, co gallo do Día Internacional da Lingua Materna

A Concellaría de Lingua do Concello de Ponteareas, dirixida por Fernando Groba, co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, día 21 de febreiro, quere convidar os novos pais e nais a transmitirlles a nosa lingua ás novas xeracións. Como galegos e galegas, temos unha lingua propia que nos chegou, na inmensa maioría dos casos, a través das nosas nais e pais.

 

Con este obxectivo, o Concello de Ponteareas pon en marcha novamente unha iniciativa, a través dunha carta dirixida aos novos pais e nais na que se convida a reflexionar sobre a necesidade de seguir transmitíndolles ás nosas futuras xeracións esta herdanza tan prezada, única e útil que posuímos: a lingua galega, ademais de ofrecer razóns polas que transmitirlles a lingua galega desde o berce.

 

“É responsabilidade de todos e todas que protexamos e transmitamos, de xeración en xeración e da forma que o fai calquera sociedade normal, o noso idioma para que este perviva”, indica Fernando Groba.

 

Ademais, o Concello de Ponteareas, desde hai uns anos, puxo en marcha o Programa Apego, co obxectivo de fomentar o mantemento da transmisión xeracional e a creación de ámbitos de uso da lingua galega para nenas e nenos de 0 a 6 anos e nos que se fomenta o uso entre as familias. Para participar neste programa, as persoas interesadas poden pasar polo Servizo de Normalización Lingüística, onde recibirán información detallada sobre o programa e un pequeño agasallo.