O Concello de Ponteareas continúa coa mellora da estrada que conecta Ganade coa N-120

Os traballos forman parte do proxecto da Concellaría de Vías e Obras para a reforma integral deste vieiro, cun elevado uso por parte da veciñanza

 

O Concello continúa co proxecto de reforma integral da estrada de Ganade, na parroquia de Areas, ata a súa conexión coa N-120 para “mellorar o servizo que esta infraestrutura presta á veciñanza, xa que se trata dun vieiro cun elevado nivel de uso”, como explica a edil responsable da Concellaría de Vías e Obras, Chus Garrote.

 

Tras os traballos realizados nun tramo inicial desta estrada, o Concello sacou a licitación as obras de mellora de pavimentación e mellora da capa de rodadura dun novo tramo de 805 metros. Despois da limpeza de marxes e da apertura de cunetas ao longo do vieiro, os traballos continuarán co barrido da superficie existente, a aplicación do rego de adherencia e, finalmente, coa pavimentación dunha superficie de 4.809 metros cadrados. Ademais, as obras contemplan a mellora da drenaxe lonxitudinal coa construción de 339 metros de cunetas revestidas de formigón que conducirán a auga superficial aos sumidoiros existentes, evitando así o deterioro do firme.

 

O Concello xa sacou a licitación estas obras por un importe de 60.600 euros financiados ao 82,6% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) a través do Plan Marco 2021-202 da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e ao 17,4% por fondos propios municipais. O prazo de execución será dun mes.

 

A Concellaría de Vías e Obras xa está a traballar no seguinte paso deste proxecto de reforma integral da estrada, que incluirá a mellora de todo o vieiro ata a súa conexión coa N-120. “É un proxecto no que levamos traballando tempo e que amosa a nosa firme aposta por ir mellorando paulatinamente os 400 quilómetros da nosa rede municipal de estradas, non só reparando vías e pistas asfaltadas, senón tamén pavimentando completamente aquelas pistas que nestes intres non se atopan en condicións óptimas”, salienta a concelleira Chus Garrote.