O Concello de Ponteareas contará cunha “Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social”, de xeito que poidan ser ser atendidos todos os veciños que se atopen nunha situación de especial necesidade.

concelloO Pleno do Concello de Ponteareas celebrado este martes, día 21 de outubro, aprobou definitivamente a “ Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social”, a través da cal se regularán as axudas que ata o de agora se estaban concedendo, de tal xeito que poidan ser atendidos todos os veciños que se atopen nunha situación de especial necesidade.
Despois de moitas reunións nas que participaron os representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal, consensuouse pola maioría un texto da Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social, no que quedan establecidos os requisitos para acceder ás mesmas, así como o procedemento.
Para poder atender estas axudas económicas de emerxencia social, o goberno local, dos fondos municipais, priorizará en axudas de emerxencia socal, dotando unha partida económica de 45.000 euros para este ano 2014, o que supón un 80% máis que no ano 2013, tendo en conta que a partida orzamentaria destinada pasou de 9.000 euros a 45.000 euros para este ano 2014.
O goberno local, segundo indica o alcalde, Salvador González Solla, considera prioritario as axudas económicas de emerxencia social, incrementándose nun 80% con respecto ao ano anterior, pero ademais, o Concello de Pontearas pon a disposición dos máis necesitados as infraestruturas e os medios humanos, compostos polos traballadores dos Servizos Sociais municipais que se dedican a estudar, tramitar e resolver todas as peticións relativas a estas axudas, así como o todo o traballo desenvolvido no Centro de Reparto de Alimentos, que nestes momentos atende en torno a 135 familias, que veñen supoñendo máis de 400 veciños do noso concello.
Así pois, manifesta Salvador González Solla, todas estas accions veñen amosar a aposta do goberno local por buscar solucións que poidan paliar a situación na que se atopan moitos veciños que carecen dos medios económicos e desde o goberno local seguirase traballando e buscando iniciativas que beneficien os veciños ponteareáns e que axuden a sortear a crise que neste momento sofren moitas familias.
Con esta recén aprobada Ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social regúlanse as axudas destinadas a resolver as situacións de emerxencia que lles afecten ás persoas, ás familias ou unidades de convivencia ás que lles sobreveñan situacións de necesidade ao verse privadas dos medios de vida primarios e imprescindibles, carecendo dos recursos económicos para satisfacer as súas necesidades básicas (en relación coa alimentación e aloxamento) ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social. A súa finalidade será dispensar unha atención básica e urxente no momento en que estas situacións de necesidade se produzan. Para poder ser beneficiarios destas axudas, ademais doutros requisitos, os solicitantes non poderán superar uns ingresos económicos establecidos na devandita ordenanza e que veñen ser, entre outros, os seguintes: un só membro, cando non supere uns ingresos máximos de 399,38 euros ou unha unidade familiar, ou de convivencia, de 4 membros, non poderá sobrepasar uns ingresos de 591,08 euros, establecéndose unha contía máxima de ingresos de 639,01 ou de 718,88 euros, se hai menores.
Excepcionalmente, os Servizos Sociais do Concello de Ponteareas poderán valorar as solicitudes que excedan o baremo económico establecido nunha porcentaxe nunca superior ao 10%, como consecuencia dos gastos acreditados de vivenda habitual e/ou situación familiar de extrema urxencia.
As axudas recollidas nesta ordenanza poderán ser outorgadas ata o límite económico de 900 euros ao ano por cada persoa física, unidade familiar ou unidade de convivencia.
Diríxense estas axudas económicas a atender as seguintes necesidades: axudas para a atención dos gastos derivados da vivenda habitual que garantan a continuidade na mesma e nos que se incluirían os gastos de aluguer da vivenda habitual que impida o desafiuzamento por impago; os créditos hipotecarios; as débedas de recibos por subministracións de luz, gas, auga etc, ou equipamento básico da vivenda habitual e reparacións menores de urxente necesidade e limpeza, en casos extremos. Outras axudas irán destinadas a contribuír a sufragar gastos de atención sanitaria e outros tratamentos, como aqueles derivados de enfermidades graves en familias en risco de exclusión social ou próteses e artigos de ortopedia. Recóllense tamén nesta ordenanza as axudas escolares, destinadas a sufragar os gastos do comedor escolar, en determinados supostos. Así mesmo, contémplánse outro tipo de axudas destinadas a gastos, denominados “polivalentes”, como en casos de decesos, cando a persoa solicitante non poida asumir o seu custo por atoparse nunha situación de precariedade económica. Os Servizos Sociais do Concello de Ponteareas serán os encargados de informar, valorar e orientar das prestacións sociais de carácter económico xestionadas pola Concellería de Servizos Socias do Concello de Ponteareas, así como dos requisitos necesarios para acceder ás mesmas e o seu procedemento.