O Concello de Ponteareas, consternado polo pasamento do ex alcalde Xosé Represas

As 14:00 celebrarase un Pleno extraordinario urxente para decretar tres días de loito oficial. Ás 14:15 terá lugar un minuto de silencio diante da Casa do Concello

O equipo de goberno do Concello de Ponteareas vén de amosar a súa tristura e a súa profunda dor polo falecemento do exalcade Xosé Represas. Así mesmo, vén de convocar un pleno extraordinario e urxente para as 14:00, no que se decretarán tres días de loito oficial. Ás 14:15, tralo remate do Pleno, celebrarase un minuto de silenzo diante da Casa do Concello.

 

O executivo ponteareán amosouse consternado coa nova e destacou a entrega de Represas como alcalde ao servizo de Ponteareas e da súa veciñanza, así como a súa capacidade e a súa vocación de servizo público. Así mesmo, o goberno local salientou a súa traxectoria política e social e o seu compromiso na procura dunha sociedade mellor, que o levou hai décadas a ser un dos impulsores da recuperación dos montes veciñais.

 

Represas foi unha persoa entrañábel, querida e apreciada por toda a veciñanza, por enriba das ideoloxías”, sinalan dende o Concello nun comunicado.

 

Xosé Represas Giráldez, natural da parroquia de Xinzo, era Diplomado en Empresariais pola Universidade de Vigo e traballou durante décadas nunha entidade financeira en Ponteareas. Foi membro da Corporación Municipal nos anos 1999 e 2000. Posteriormente, no ano 2007, accedeu novamente á Corporación, sendo concelleiro até a súa recente renuncia por motivos de saúde. No 2015 asumiu a alcaldía da localidade, que revalidou nas eleccións municipais 2019. Foi directivo da Comunidade de Montes de Xinzo e do seu Centro Cultural. Ocupou ademais o cargo de Presidente da Asociación Forestal de Galicia.