O goberno de Ponteareas continúa co seu plan de mellora das infraestruturas deportivas coa aprobación dos proxectos de instalación de alumeado nas pistas de tenis na área recreativa da Freixa, e de construción dun almacén no campo de fútbol de Xinzo.
“Estas son os proxectos de dúas obras que foron demandadas por dúas entidades deportivas da nosa vila, o FC Xinzo, que este ano ascendeu de categoría, e o Club Tenis Ponteareas, con categorías base que adestran nas pistas da Freixa”, indicou o edil de Deportes, Benito Márquez.
Estas obras contarán cun orzamento total de 26.192€ (ive incluído) para o almacén do campo de fútbol de Xinzo, e de 26.086€, impostos incluídos, para o alumeado das pistas de tenis.
Benito Márquez explica que a instalación de iluminación obxecto da actuación atópase situada na área recreativa da Freixa do Concello de Ponteareas que conta na actualidade cuns proxectores de haloxenuros de 400 W de potencia deficientes e obsoletos, o que implica consumos moi elevados que non contribúen no aforro enerxético nin se adapta aos requirimentos actuais.
“No inverno, cando xa é de noite moi cedo, as categorías base do clube de tenis non poden adestrar nas pistas xa que a iluminación das mesmas é totalmente deficiente, tendo que ir a adestrar a un pavillón, o que non é o máis axeitado. Con esta actuación temos pensado dar saída a un problema que as categorías base desta entidade ven padecendo. Do mesmo xeito, o novo alumeado contribuirá á diminución da contaminación ambiental mediante a instalación de proxectores de alto rendemento LED de última xeración. Deste xeito, o FC Xinzo solicitou a creación dun almacén no seu campo, xa que non tiñan ningún espazo de usos múltiples en bo estado para utilizar, que está previsto baixo as gradas do campo”.
A corporación municipal no seu conxunto foron aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario desta semana.