O Concello de Ponteareas aproba as bases para a concesión de subvencións a entidades deportivas por un importe de 60.000 euros

Fachada PardellasO Concello de Ponteareas vén de aprobar na xunta de goberno celebrada o pasado 6 de abril as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades deportivas do municipio sen ánimo de lucro. Un total  de 60.000 euros con cargo ao orzamento municipal vixente para o ano en curso que irán destinados a paliar as carencias das mencionadas entidades e que repercutirán nunha mellora das condicións nas que os veciños e as veciñas do concello practican as diferentes modalidades deportivas.

As solicitudes poderanse presentar no rexistro Xeral do Concello ou nunha oficina de Correos. O prazo para facelo será de 15 días naturais a partires da publicación desta resolución no Boletín Oficial da Deputación de Pontevedra. As bases reguladoras desta convocatoria pódense consultar nesta ligazón.

O goberno local é consciente da importancia do deporte en todas as súas facetas e tamén das dificultades que teñen moitos clubes para poder desenvolver o seu labor. É por iso que pon en marcha esta liña de subvencións, que ten como único obxectivo o de apoiar ás entidades deportivas na organización de eventos e nas actividades derivadas da súa participación en competicións comarcais, provinciais, autonómicas ou nacionais.