O Concello de Ponteareas adxudica 8.000 euros en novas axudas ás entidades sociais

As axudas apoian os distintos programas que desenvolven as entidades sociais.

O Concello de Ponteareas ven de conceder as axudas a entidades sociais que desenvolven actividades no municipio. Así o anunciou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, que destacou o labor que realizan os diferentes colectivos que desenvolven programas para promover o benestar social da cidadanía.

Con esta nova concesión, que continúa a liña marcada polo actual goberno municipal desde 2015 de colaboración e apoio ás entiades sociais, 7 entidades poderán dar continuidade a diferentes programas que realizarán co apoio do Concello”, manifestou a Concelleira nacionalista. Neste ano 2020 reciben apoio: Adapta, Cogami, Dar Máis, Familias Azuis, Asociación de Maiores, Pontesolidario e Asociación Española contra o cancro.

Estas subvencións permitirán realizar accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá ou igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Un labor que acada aínda maior importantancia nesta situación sanitaria que estamos vivindo pola COVID-19.

Verónica Carrera explicou que “as axudas outórganse cos fondos propios do Concello e concédense de forma transparente e en concurrencia libre para as entidades sociais. O Concello ten a obriga de apoiar o traballo destas entidades pola labor social que realizan”.