O Concello de Ponteareas abriu o prazo para participar no concurso de comparsas do Entroido 2015

cartaz entroidoO Entroido 2015 está ás portas e xa están ultimados os concursos de disfraces deste ano, dirixidos tanto aos máis cativos, co concurso infantil, como aos adultos co concurso de maiores, e o concurso de comparsas.

O prazo de inscrición para poder participar no Concurso de comparsas xa está aberto e as asociacións e colectivos interesados deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas, segundo o modelo oficial, rematando o prazo de inscrición o día 3 de febreiro de 2015, ás 13:00 horas.  As bases e a solicitude para poder participar neste concurso están á disposición dos interesados no Departamento de Cultura do Concello de Ponteareas ou na páxina web municipal. No citado concurso, establécense 4 premios, dotado o primeiro con 500 euros, o segundo con 300 euros, o terceiro con 200 euros e o cuarto premio con 100 euros. Establécese tamén un premio especial de 300 euros á mellor comparsa en representación das parroquias de Ponteareas. Ademais, cada comparsa recibirá unha axuda por participación de 200 euros. As comparsas asistirán ao desfile o domingo, día 15 de febreiro, e o martes, día 17 de febreiro.

O concurso de disfraces de maiores terá lugar o sábado, día 14 de febreiro, na Praza Maior de Ponteareas en el poderán participar todas as persoas ou grupos cunha idade mínima de 16 anos. Os interesados en participar poderanse anotar na mesma praza a partir das 21:00 horas. Establécense tres premios, o primeiro consistirá nunha fin de semana para dúas persoas nunha casa rural en réxime de aloxamento. O segundo premio consistirá nunha fin de semana para dúas persoas nun hotel en réxime de aloxamento. Os gañadores do terceiro premio poderán gozar dunha cea para dúas persoas nun restaurante da localidade.

O concurso infantil de disfraces terá lugar o día 16 de febreiro, luns de entroido, e irá dirixido aos rapaces menores de 12 anos, tanto a nivel individual, coma colectivo. Contará este concurso con cinco premios aos mellores disfraces, consistindo o primeiro premio nunha bicicleta, o segundo nunha táblet, o terceiro nun mp4, un mp3 para o cuarto premio e un quebracabezas para o quinto premio. Os interesados en participar poderán facer a súa inscrición a partir das 17:00 horas na Praza Maior, lugar onde se desenvolverá o concurso.

Podes consultar as bases premendo aquí