O Concello corta os piñeiros do parque Ferro Ucha por razóns de seguridade

O Concello corta os piñeiros do parque Ferro Ucha por razóns de seguridade

 

Un informe técnico aconsella a súa retirada á vista do seu estado e a normativa de protección de lumes forestais obriga á súa corta

 

O Concello procedeu hoxe a iniciar a corta dos 31 piñeiros existentes no parque Ferro Ucha. A actuación realízase de acordo cos informes técnicos de Medio Ambiente que advirten dun estado que aconsella a súa retirada, ademais de existir  a obriga legal de corta.

 

A presenza desas árbores en zona urbana e a pouca distancia de edificios e vivendas obriga, por normativa de prevención de lumes, á súa retirada. Pero ademais, esta corta dá resposta a problemas de saúde vexetal e de seguridade cidadá, tal e como se fai constar no informe realizado para o Concello por J. Gaspar Bernárdez Villegas, doutor en Investigación Agraria e Forestal, no que se indica que “a maioría dos piñeiros teñen moitos tocos secos nos fustes pola boa autopoda da especie e a ausencia de luz no interior da masa. A presencia destes tocos indica que esta madeira morta vai ser desprendida das árbores continuamente”, polo que “a caída de ramas vai a ser frecuente, e non necesariamente en días de forte vento ou outras condicións climáticas adversas”. Coa actuación en marcha elimínase un risco para as persoas usuarias do parque que poderían verse afectadas pola caída de pólas, tal e como se explica no informe.

 

O parque Ferro Ucha conta cunha masa arborada predominante de frondosas autóctonas, fundamentalmente castiñeiros e carballos, unha parte deles de gran porte. Con esta actuación, esas árbores poderán desenvolverse mellor ao deixar de estar baixo os piñeiros de maior altura.

 

A corta estase realizando con brazo guindastre para que na caída as árbores poidan ser orientadas, minimizando o impacto sobre o resto do arborado. A actuación obriga a pechar o parque durante a execución dos traballos, que se prevé que rematen este venres.