O Concello comparte co alumnado dos institutos de Ponteareas os seus programas para a mocidade

 

O Concello comparte co alumnado dos institutos de Ponteareas os seus programas para a mocidade

 

O Concello está a visitar todas as aulas dos institutos de Ponteareas para dar a coñecer o programas que se promoven dende a concellaría de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, para ofrecer vantaxes, actividades e servizos aos mozos e mozas da vila. O edil tamén destaca que con estas visitas “queremos escoitar a súa voz e coñecer de primeira man as súas suxestións e opinións sobre as propostas que realiza o Concello para eles e elas”. 

 

O concelleiro explica que nestas sesións “estamos a explicar os beneficios dos  carnés dos que poden dispor, a sinalar as bolsas que teñen a súa disposición, a dar a coñecer os distintos ámbitos do voluntariado que se poden realizar no Concello e a resolver dúbidas ao alumnado en materia xuvenil”. 

 

Voluntariado

 

Durante estas charlas tamén se está a facer unha especial mención ao Servizo de Voluntariado do Concello de Ponteareas. Nelas están a participar mozos e mozas voluntarias para explicarlles aos seus compañeiros e compañeiras a importancia de ser voluntario, así como para anímalos a integrarse neste servizo municipal “para axudar a mellorar a calidade de vida na nosa vila”. 

 

Dende o Concello inciden nos grandes beneficios do voluntariado en todas as súas ramas para o crecemento persoal da nosa mocidade e como axuda a nosa comunidade, e destacan tamén a gran oportunidade de participar no proxecto de intercambio xuvenil “Actúa localmente, pensa globalmente” no que voluntarios e voluntarias de Ponteareas participaron o ano pasado na localidade croata de Malino.