O Concello comeza o acondicionamento do Centro Cultural da parroquia de Guillade

O Concello comeza o acondicionamento do Centro Cultural da parroquia de Guillade

 

Xa se iniciaron as obras que permitirán habilitar o volume norte das instalacións e implantar unha actividade sociocultural no edificio

 

O Concello continúa coa súa aposta pola remodelación dos centros culturais ponteareáns. Xa están en marcha as obras de acondicionamento do Centro Cultural da parroquia de Guillade, uns traballos cos que se habilitará parte do edificio e que permitirán implantar unha actividade sociocultural para a veciñanza. “Queremos complementar as instalacións e todo o que se está desenvolvendo nestes intres no centro, que conta xa cun espazo polivalente que dispón de escenario e que se destina a actuacións, reunións, charlas, cursos e a unha morea de actividades”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, que visitou os traballos que se están a desenvolver acompañada do concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

Con estas obras terminarase de acondicionar o volume norte do edificio, situando na planta baixa unha cafetería con cociña, almacén, aseos adaptados e acceso independente a través da fachada norte, “permitindo o seu uso en horarios de actividade independentes aos do centro cultural”. Ademais, na planta superior situarase unha oficina para a xestión de actividades do centro e unha sala de uso polivalente.

 

O proxecto suporá un investimento de case 90.000 euros financiados a través dun préstamo sen xuros da Deputación de Pontevedra.