O Concello apoia as demandas do pobo saharauí no 40 aniversario da RASD

A Xunta de Goberno Local aprobou a declaración institucional na que reafirma e recoñece o seu dereito de autodeterminación

recepcion-saharauis-2A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas vén aprobar a declaración institucional na que demostra o seu apoio e firme compromiso coas demandas do pobo Saharauí, aproveitando o 40 aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). O documento conta co aval da Delegación Saharauí para Galicia e da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharuí (SOGAPS).

O texto recolle “o recoñecemento ao lexítimo goberno do RASD e o dereito de autodeterminación que legalmente asiste ao Pobo Saharuí”. Trátase dunha república recoñecida por máis de 80 países, “entre os que non se atopa o Estado Español”, recalca o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

O documento insta ao “Goberno de España que dea o estatus diplomático á Representación do Frente Polisario en España, único e lexítimo representante do Pobo Saharauí, recoñecido así pola ONU”, ademais de pedir ao propio goberno e á “comunidade internacional que promovan todas as iniciativas políticas necesarias para lograr unha solución xusta e definitiva, mediante a celebración dun referendo, conforme ás resolución de Nacións Unidas”.

Trátase dunha declaración que tamén recorda ás “autoridades marroquís que deben cesar as persecucións contra os activistas saharauís de dereitos humanos”, ademais de agradecer ao Concello de Ponteareas a súa “cooperación co Pobo Saharauí a través de proxectos como Vacacións de Paz”, que permitiu que 28 nenos e nenas saharauís, entre 9 e 13 anos, residiran en diferentes casas particulares das comarcas do Condado e da Paradanta durante os meses de xullo e agosto do pasado ano 2015, algúns deles no Concello de Ponteareas.