O Concello apoia a unha empresa ponteareá pioneira en Galicia na cría de vermes

O Concello apoia a unha empresa ponteareá pioneira en Galicia na cría de vermes

 

Galinsect ten a súa granxa en Cristiñade, onde cultiva insectos como fonte de alimentación rica en proteína, natural e de alta calidade para gandaría

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, visitou as instalacións que ten en Cristiñade Galinsect, unha empresa ponteareá pioneira na cría de vermes a escala industrial en todas as súas fases. Unha granxa de insectos coa que se busca a cría e comercialización do Tenebrio molitos como fonte de alimentación rica en proteína, natural e de alta calidade para gandaría ou mesmo para abono ecolóxico.

 

“Para nós é un orgullo apoiar a empresas que aspiran a ser un referente no seu sector e que son un exemplo de emprendemento e innovación, sobre todo nunhas circunstancias tan complicadas como as actuais. Proxectos responsables e sostibles como os desta empresa son esenciais para o futuro da nosa economía e da nosa vila”, destaca a rexedora. Na visita estivo acompañada polas concelleiras de Promoción Económica e Formación e Emprego, Eva Gil Solla e Vanesa Fernández Soage.

 

Galinsect nace do compromiso de cinco amigos que ven que as necesidades mundiais de proteína aumentan tanto para o consumo humano como para o animal e que hai que “buscar alternativas sostibles para unha alimentación saudábel e respectuosa co medio ambiente. E decidimos mergullarnos nun mercado que se en Europa é moi incipiente, en España aínda o é máis”, explica Pablo Domínguez, un dos fundadores. Fernando Castro, Rubén Recamán, Jaume Mouro e Pablo Moure son as outras patas que conforman Galinsect.

 

Tras pasar pola aceleradora do Clúster Alimentario e levar á realidade o proxecto que tiñan en papel, déronlle unha segunda vida a unhas granxas xa en desuso na parroquia de Cristiñade para crear unha cámara de cría de 108 metros cadrados que produce máis de 1,5 toneladas ao mes de verme comercializable. O obxectivo é ir ampliando ata chegar ás 15 toneladas mensuais e poder comezar a comercializar o seu produto a finais de verán.

 

Nesta cría, Galinsect dá prioridade á economía de proximidade consumindo produtos locais e reproducindo os vermes de forma natural e libre de elementos químicos.