
Sacou a licitación o subministro de materiais bituminosos, unha adquisición financiada ao abeiro do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra
O Concello segue a traballar para manter en condicións óptimas a extensa rede viaria municipal de Ponteareas. Neste camiño, sacou a licitación o subministro de materiais bituminosos de calidade para a reparación da pavimentación das estradas da vila, con especial fincapé naquelas que se atopen deterioradas pola consecuencia das choivas e da intensidade do tráfico. A adquisición deste material será financiado ao abeiro do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Como sinala a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, os traballos de reparación e mellora desenvolveranse nos 400 quilómetros de vieiros públicos das 24 parroquias da vila que rexistren unha maior intensidade de tráfico rodado ou naquelas que sexan máis empregadas pola veciñanza da zona. As obras comezarán cando as condicións meteorolóxicas o permitan.
O material empregarase tamén para a realización de reparacións puntuais, como parcheos, que serán levadas a cabo pola unidade de bacheo da que dispón o Concello, unha unidade que só pode realizar traballo de vertido manual con aglomerado en frío.
Cada ano o Concello de Ponteareas destina novas partidas para realizar as actividades de mantemento necesarias para o correcto funcionamento dos servizos de competencia municipal, entre eles o mantemento da pavimentación da rede viaria, tanto mediante o traballo de asfaltado como o da adquisición do material necesario, como nesta ocasión.