O Concello acometerá melloras no vial de subida a Santa Cristina de Bugarín

O Concello acometerá melloras no vial de subida a Santa Cristina de Bugarín

 

Saen a licitación as obras de asfaltado e ampliación da estrada. As empresas interesadas terán ata o vindeiro 17 de xuño para presentar ofertas

 

O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación as obras de asfaltado e ampliación da calzada do vial de subida a Santa Cristina de Bugarín, que incluirán varias actuacións complementarias que suporán “unha importante mellora nesta zona”. “Trátase dunha estrada cun intenso uso que queremos adecuar para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, destaca Chus Garrote, responsable da concellaría de Vías, Obras e Alumeado.

 

Xunto á repavimentación desta estrada procederase tamén á mellora na preinstalación da rede futura dun proxecto necesario para a recollida de augas fecais na zona e á pavimentación dun vial próximo no lugar de A Chan. As obras inclúen o retranqueo dun muro nunha finca cedida por un veciño na zona de entrada do vial grazas ao que se rebaixará a curva pronunciada que existe na actualidade.

 

Os traballos saen a licitación por un importe máximo de 130.579 euros, financiados a través do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra. As empresas interesadas terán ata o vindeiro 17 de xuño para presentar as súas ofertas.

 

A concelleira de Vías e Obras destaca “a importancia de facer investimentos no rural para mellorar as comunicacións dos veciños e veciñas, para que poidan ter acceso a distintos servizos públicos de primeira necesidade”.