O Concello acomete actuacións para mellorar a mobilidade e seguridade vial no IES O Barral

Por vez primeira a Policía Local regula o tráfico na saída do centro educativo á N-120

A concellería de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera iniciou os traballos de mellora da mobilidade e a seguridade vial no IES O Barral mediante a reorganización e sinalización do espazo de acceso e estacionamento de buses e vehículos. Esta actuación súmase á regulación do tráfico por parte da Policía Local na N-120 no horario de saída do centro que se puxo en marcha por vez primeira hai varias semanas. As actuacións continuarán nas vindeiras semanas co acondicionamento de espazos de estacionamento.

Estas actuacións estiveron precedidas das reunións mantidas polo concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e a concelleira de Educación, Cristina Fernández, xunto ao Xefe da Policía Local e técnicos municipais, coa comunidade educativa do IES O Barral para definir estas actuacións provisionais coas que se pretenden afrontar os “graves problemas de mobilidade e seguridade vial que soporta este centro educativo”, en palabras do edil nacionalista.

Segundo Mera, “a situación actual é caótica e perigosa e explícase pola falta de planificación dos gobernos do PP cando se construíu o instituto sen crear uns accesos axeitados e sen contar co PXOM onde se prevé o acceso definitivo por un novo vial. Por iso é fundamental que a Xunta aprobe dunha vez o Plan Urbanístico, para dar unha solución definitiva a este grave problema”.

Segundo Mera, coas actuacións iniciadas hoxe “aprovéitase correctamente e ao máximo o pequeno espazo dispoñíbel, dando máis seguridade ao alumnado que accede a pé ao centro educativo”. As actuacións consisten na sinalización sobre o pavimento das zonas de paso peonil, as prazas de autobuses (dez en total), prazas de vehículos particulares (unhas 30) e de vehículos para persoas con discapacidade que se incrementan pasando de 2 a 3prazas, así como o carril de circulación interior para acceso e cambio de sentido.

Nas últimas semanas a Policía Local, por vez primeira, comezou a regular o tráfico no horario de saída do IES, cando se producen maiores problemas, e ademais se procedeu á poda das árbores que impedían o aproveitamento do espazo polos autobuses.

Mera salientou que “é fundamental lograr a autorización de Fomento para a realización de dous pasos de peóns que permitan cruzar con seguridade a N-120. Deste xeito evitarase o estacionamento de vehículos no arcén da estrada, invadindo a calzada e limitando gravemente a visibilidade para os vehículos que saen desde o IES”. Ademais, o concelleiro prevé negociar co Ministerio o cubrimento da taxea que recolle augas pluviais para ampliar así a superficie dun dos arcéns e o acondicionamento do situado na marxe oposta, ademais de completar a beirarrúa desde o IES até o Paseo Matutino.

Roberto Mera sinalou por último que “o goberno está xa estudando as actuacións a desenvolver en canto se aprobe o PXOM para dotar ao IES do seu acceso polo novo vial contemplado no Plan Urbanístico para ese fin. Esa será a solución definitiva a este grave problema”.