O Concello aclara que o rebosamento de fecais na Avenida de Galicia é alleo ás obras realizadas recentemente

O goberno municipal informou sobre o rebosamento dun pozo de saneamento na Avenida de Galicia, no tramo correspondente á delegación da AEAT e Xulgados. A incidencia provocou un vertido de augas fecais e foi resolto por operarios da concesionaria FCC en menos de 90 minutos. Segundo o técnico municipal redactor do proxecto este problema non ten nada que ver coas obras executadas na Avenida de Galicia, no tramo situado detrás do Concello, nas que se renovaron hai un mes os colectores de saneamento. Para solucionar o atascamento accedeuse ao colector desde unha arqueta situada no entronque do Paseo Matutino, o que provocou que algúns veciños e comerciantes equivocadamente atribuisen o problema as obras de mellora executadas hai un mes. 

O Concello explica que a vindeira semana, aproveitando o remate das obras de entronque do Paseo Matutino coa Avenida de Galicia, accederase de novo aos colectores onde se realizará unha obra que evitará no futuro ese problema. “Deste xeito, ademais do arranxo que xa fixemos no tramo situado detrás do Concello, quedará tamén solucionado o problema do tramo dos Xulgados que sofremos esta semana”, sinalan fontes municipais que atribúen os problemas “a antigüedade e o mal estado da rede xeral de saneamento da vila”. 

O rebosamento foi criticado pola candidata do PP á alcaldía Belén Villar vinculándoo coas obras do Paseo Matutino. O Alcalde Xosé Represas “lamentou a falta de rigor do PP que en lugar de informarse no Concello cos técnicos municipais prefiren facer política de comentarios de bar, lanzando acusacións e críticas sen fundamento que son unha falta de respecto para os técnicos do Concello”. Represas aconsellou a Villar que “se quere buscar responsables dos problemas da rede de saneamento da vila, pode atopalos na sede do seu partido que foi o responsábel da bancarrota do concello e da falta de solucións a esas constantes avarías”