O Concello aclara que as incidencias nos parquímetros son imputábeis á empresa que presta o servizo e esixirá responsabilidades

Na última semana véñense producindo de xeito habitual incidencias nos parquímetros existentes na vila de Ponteareas imputábeis exclusivamente á empresa subministradora dos mesmos e do servizo e do seu funcionamento e mantemento.

 

O Concello lamenta os trastornos e o desconcerto que esta situación pode estar a provocar ás persoas usuarias deste servizo e o goberno iniciou as actuacións para esixir responsabilidades á empresa polo cumprimento defectuoso do contrato. A empresa comunicou aos servizos informáticos do Concello que as incidencias nuns casos se produciron a nivel de todo o Estado en todos os seus parquímetros mentres que noutros se deben a erros na programación e no software dos aparellos que, aclara o Concello, “son da exclusiva responsabilidade da empresa que presta o servizo e a quen se lle está a esixir de xeito reiterado unha solución inmediata”.