O Concello abre a pista polideportiva cuberta do CEIP Bouza Brey unha vez rematadas as obras

O alumnado do Centro ao fin poderá desfrutar dun espazo cuberto para facer deporte ou estar acollidos nos días de choiva

Con motivo da finalización das obras da nova pista deportiva cuberta realizadas polo Concello de Ponteareas no CEIP Fermín Bouza Brey, na tarde de onte celebrouse unha reunión cos pais e nais do alumnado, profesorado, directiva da ANPA e dirección do Centro, para dar conta de todas as cuestións relacionadas con esta obra. Xuntanza que contou coa participación do alcalde de Ponteareas, D. Xosé Represas Giráldez; concelleira de Ensino, Cristina Fernández; a tenente alcalde e concelleira de Urbanismo, M. Jesús Garrote e o arquitecto do proxecto, D. Miguel Rodríguez Varela. Tamén estiveron presentes outros membros do Goberno local e da Corporaciòn  Municipal.

IMG_8222 (1)

A partir de agora a pista cuberta dará protección aos/ás pequeno/as das inclemencias do tempo e garantirá a realización das actividades deportivas e de xogos ao marxe da choiva. Esta nova instalación deportiva no núcleo urbano tamén permitirá o seu emprego fóra do horario escolar. O investimento que fixo o Concello de Ponteareas nesta obra foi de preto de 200.000 euros, contando as melloras asumidas durante o transcurso das mesmas.

Na reunión deuse conta do transcurso das obras, as melloras realizadas mellorando a  soleira da pista e remate dos bordes para maior seguridade do alumnado. Por parte do Goberno municipal e do arquitecto director da obra aclaráronse  todas as dúbidas que expuxeron tanto os pais e nais coma o profesorado. Unha das cuestións que recibiu  máis interese foron as normas de uso, onde o arquitecto Miguel R. Varela informou, máis polo miúdo, da gran resistencia da pista.

“A colaboración da Dirección do Centro e das Concellerías de Urbanismo e Ensino foi fundamental para poder rematar a obra do pavillón cuberto e, deste xeito, mellorar as instalacións existentes no CEIP Fermín Bouza Brey, suplindo así a falta de investimento da Xunta en obras que son da súa competencia. A partir de hoxe a pista poderá ser usada polo alumnado e para outras actividades extraescolares”, explica o alcalde, Xosé Represas.