
Poderá presentarse do 1 ao 30 de abril de forma telemática ou presencial no Rexistro Xeral
O Concello abre un ano máis o proceso de admisión de alumnado na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2023/2024. As familias interesadas con fillos e fillas nados a partir do 1 de xaneiro de 2021 poderán presentar a súa solicitude dende o 1 ata o 30 de abril. Poderase solicitar praza neste centro para todas aquelas nenas e nenos que teñan entre os 3 meses e os 3 anos de idade.
As familias poden consultar xa toda a documentación necesaria e descargar o impreso para cursar a solicitude na propia páxina web municipal. Tamén poderán recollerse na propia Escola de 09.00 a 14.00 horas sempre solicitando cita previa no 986 66 11 97. As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude de forma telemática ou ben de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello.
A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, sinala que ao tratarse dunha escola de integración pódese solicitar praza para nenos e nenas con discapacidade física, psíquica e sensorial. Nestes casos, despois dunha valoración técnica poderase prorrogar a permanencia dos cativos e cativas no centro durante un ano máis, fóra dos límites de idade marcados inicialmente para o centro.
Equipo directivo e docente da escola manteñen un proxecto educativo baseado en compartir cos demais, en que nenos e nenas acaden a maior independencia, en potenciar a creatividade mentres cantan e bailan, en experimentar coa música, en traballar a plasticidade coas mans, en falar das linguas e coñecer as costumes e a contorna, así como en aprender a comer e durmir cos compañeiros e compañeiras. A Escola Infantil Municipal está aberta de luns a venres de 07.30 a 20.30 horas, cun límite de asistencia de 8 horas diarias por cada neno e nena e con opción a comedor.