O CN Ponteareas, líder do Campionato Galego Junior-Absoluto de Ourense con 44 medallas

O CN Ponteareas, líder do Campionato Galego Junior-Absoluto de Ourense con 44 medallas

 

Nadadores e nadadoras acadaron varias mellores marcas persoais e situáronse á cabeza da clasificación dende as primeiras sesións

 

Éxito rotundo do Club Natación Ponteareas no Campionato Galego Júnior-Absoluto disputado durante a pasada fin de semana na piscina Rosario Dueñas de Ourense. Os nadadores e nadadoras do club ponteareá impuxeron un intenso ritmo nas súas probas dende as primeiras sesións, acadando varias mellores marcas persoais e liderando as clasificacións dende os primeiros compases da competición.

 

E os resultados corresponderon co gran nivel amosado: as e os deportistas do CN Ponteareas volveron a casa con 44 metais, 18 medallas de ouro, 14 de prata e 12 de bronce. Ademais, o club fíxose cos títulos por equipos nas categorías feminina e conxunta tanto na competición júnior como na absoluta.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, traslada os parabéns do Concelo ao club de natación “polos incribles éxitos que acadan campionato tras campionato. A cada paso que dan demostran o alto nivel que ten a natación en Ponteareas en todas as categorías grazas ao traballo desenvolve o club día a día para continuar crecendo no ámbito”.