O Club Tenis Ponteareas retoma a súa participación no Campionato Galego por Clubes

Esta próxima fin de semana renóvase o Campionato Galego por Clubes 2021 nas categorías absolutas masculina e feminina. A competición detívose na semana do 18 de xaneiro debido á suspensión de todas as competicións deportivas federadas por parte da Xunta de Galicia debido á delicada situación sanitaria. A única xornada disputada foi a primeira do sábado 16 de xaneiro, polo que a segunda quedou á espera de xogarse ata agora.

 

O primeiro equipo do Club Tenis Ponteareas en disputar esta segunda xornada será o feminino. Farao o sábado 27 de febreiro ás 16:00 h nas pistas de A Freixa (Ponteareas) contra o equipo feminino do Club Dereito Empresariais de Ourense. Paralelamente a este, o partido do equipo masculino C do club pontareán contra o equipo masculino B do Club Tenis Porriño xogarase na segunda pista do recinto deportivo.

 

A xornada continuará o domingo 28 de febreiro para o Club Tenis Ponteareas con dous partidos da categoría masculina. Ás 10:00 h, igualmente na Freixa, o equipo masculino A enfrontarase ao equipo masculino A do Club Tenis Cangas, mentres que o equipo B farao en O Porriño á mesma hora contra o equipo A do Club Tenis O Porriño.

 

Todos os encontros que terán lugar tanto esta fin de semana como ata o final do campionato disputaranse baixo as normas de prevención pola Covid-19 impostas polas autoridades sanitarias e A Real Federación Española de Tenis.

 

O concelleiro de Deportes en funcións, Miguel Bouzó, deséxalles que acaden bos resultados e gocen do deporte logo destes períodos de parada obrigatorios.