O Club Natación Ponteareas conquista o Campionato Galego Máster celebrado esta fin de semana na vila

O Club Natación Ponteareas conquista o Campionato Galego Máster celebrado esta fin de semana na vila

O Concello traslada os seus parabéns ás e aos máis de 400 participantes e ao club, que rematou campión na categoría feminina, masculina e conxunta

Ramón Folch, con 86 anos, e Isabel Moral, con 81, foron os nadadores máis veteranos da xornada

O Club Natación Ponteareas comeza o ano do mellor xeito posible: conquistando o Campionato Galego Máster de inverno, que reuniu na vila a máis de 400 deportistas de 32 equipos de Galicia e do resto de comunidades autónomas. O club ponteareá estreouse nesta primeira competición deste 2023 gañando o campionato tanto na categoría feminina como na masculina e na conxunta, onde quedou por diante do CN Rías Baixas e do CN Escualos.

Na clasificación feminina, o club ponteareán impúxose ao CN Rías Baixas e ao CN Escualos, que quedaron en segunda e terceira posición, respectivamente, mentres que na masculina liderou a clasificación seguido do equipo ourensán e do vigués. Unha impresionante primeira cita coa natación este ano na que o público puido desfrutar ademais de 51 novos récords galegos e dun novo récord de España en 100 bolboreta, conseguido por Alba Franco, do Club Fluvial de Lugo.

Por outra banda, volveu destacar a actuación dos nadadores máis veteranos da competición, Ramón Folch, de 86 anos e do club de natación de Arteixo, e Isabel Moral, de 81 anos e do CN Ponteareas. Ademais, por primeira vez o Campionato Galego Máster de inverno celebrado na vila contou coa presenza dos clubs de Utrera, Jeréz e Tenis Chamartín.

O Club Natación Ponteareas conquista o Campionato Galego Máster celebrado esta fin de semana na vila

A alcaldesa de Pontearas, Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; e o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Mouriño quixeron felicitar a todas e todos os deportistas que pasaron esta fin de semana pola piscina do complexo deportivo Álvaro Pino. “A natación máster galego volveu dar conta do seu bo estado de saúde e das grandes cousas que se poden conseguir con ganas, esforzo e ilusión. Só podemos gabar unha vez máis o bo traballo do Club Natación Ponteareas, non só pola boa organización do campionato e os incribles éxitos acadados competición tras competición, senón tamén por contribuír a que Ponteareas creza a nivel deportivo, económico e social”, salientou Bouzó.

O CN Ponteareas quixo felicitar a todos os clubs participantes e ás e aos deportistas polo seu exemplar comportamento durante toda a fin de semana. Tamén estendeu os seus agradecementos ás e aos patrocinadores e a todas aquelas persoas que colaboraron na organización deste evento que dá o pistoletazo de saída a un ano cheo de competicións.