O Club Natación Ponteareas ascende á Primeira División Galega

O equipo ponteareán foi recibido na Casa do Concello polo alcalde, Xosé Represas, e polo concelleiro de Deportes, Benito Márquez, para felicitalos persoalmente polo éxito acadado

 

recepción-cn-ponteareasDespois de dúas tempadas en Segunda División, o Club Natación Ponteareas conseguiu a pasada fin de semana o segundo posto na final da Liga de Clubs desta categoría, unha posición que lle outorga o dereito a participar, a vindeira temporada, na Primeira División Galega. A final tivo lugar na Cañiza, contando o CN Ponteareas co papel de anfitrión por ter sido o primeiro clasificado na fase previa.

 

Os 22 nadadores e nadadoras de entre 14 e 25 anos competirán, deste xeito, nunha Primeira División integrada por outros 5 equipos da dimensión do CN Coruña, o CN Fluvial de Lugo, o CN Ciudad de Santiago, o CN Narón e o  CN Portamiñá Lugo. “O obxectivo vai ser o de manter a categoría que acabamos de recuperar”, recoñece a presidenta do club, Pilar Gallego, “pero no horizonte temos posta a meta de volver á División de Honor de Galicia (máxima categoría autonómica), na que xa estivemos non hai moitos anos”.

 

Tanto Benito Márquez, edil de Deportes, como Xosé Represas, rexedor local, felicitaron aos deportistas polo ascenso e desexáronlles moita sorte para a nova etapa do Club Natación Ponteareas na Primeira División de Galicia.