O club de lectura de Ponteareas ou o pracer de ler

Nova cita o vindeiro mércores día 18 de decembro ás 20:30

A concellería de Lingua, que dirixe Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a asistir á vindeira cira do club de lectura que terá lugar o vindeiro mércores 18 de decembro ás 20:30 horas. O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas comentará a obra de Eduardo Blanco Amor “A Esmorga”.

O club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas foi creado no ano 2006 e na actualidade conta con 14 membros que len ao mesmo tempo unha obra literaria. Esta actividade enmárcase no programa de promoción da lectura entre os diversos segmentos sociais, favorecendo o acceso ao libro e á lectura dos e das cidadáns ponteareáns.

O club de lectura supón unha oferta máis para o tempo de lecer e promove o uso da biblioteca de Ponteareas dándoa a coñecer como equipamento cultural e creando un punto de encontro para persoas interesadas na lectura.

O club de lectura propón ás e aos participantes unha guía básica de lecturas e favorece un achegamento crítico aos diferentes xéneros literarios.

Ademais, o noso club de lectura contribúe a difundir o fondo especializado da Biblioteca Municipal de Ponteareas.

Fernando Groba explica que o club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas é un grupo de persoas que se reúnen unha vez ao mes para comentar un libro lido na casa. Nas reunións coméntase o lido e o impacto que tivo no lector: temáticas, estilo, acción, personaxes e, por suposto, sentimentos ou reflexións evocados polo texto. Para participar nesta actividade cultural, que é totalmente de balde, os interesados poden dirixirse a Biblioteca Municipal de Ponteareas ou chamar ao teléfono 986 660 765.