O Club de Lectura da Biblioteca Municipal retoma a súa actividade despois do período estival

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal retoma a súa actividade despois do período estival

 

A primeira sesión será o 6 de outubro ás 20.30 h para analizar a obra de Ledicia Costas ‘Infamia’

 

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas abre un novo capítulo na súa actividade tras o período estival. A primeira xuntanza desta nova tempada celebrarase o vindeiro mércores 6 de outubro ás 20.30 horas na propia biblioteca e nela as persoas participantes analizaran a obra de Ledicia Costas ‘Infamia’. “É unha forma de fomentar a lectura, sinxela, efectiva, divertida para todos os veciños e veciñas que participan nel, que len ao mesmo tempo un libro e se reúnen para falar del”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

Durante as xuntanzas as persoas do Club de Lectura debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura. Unha conversa na que cada persoa pode achegar a súa opinión que sen dúbida enriquecen moito a impresión inicial que cada quen acada da lectura en solitario. “Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de persoas ás que lle gusta ler ou queren dedicarlle máis tempo e que atoparán no Club o pracer da lectura compartíndoa con outros veciños e veciñas”, explica o edil.

 

A actividade é completamente gratuíta. Para participar é preciso poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo electrónico ao enderezo bibliotecamuseo@ponteareas.gal.