O ciclo ‘Mestre Mateo’ continúa en Ponteareas coa proxección do documental ‘A virxe roxa’

O ciclo ‘Mestre Mateo’ continúa en Ponteareas coa proxección do documental ‘A virxe roxa’

 

A veciñanza poderá ver a obra de Marcos Nine este sábado 23 ás 20 h na sala multiúsos do auditorio municipal. Reserva gratuíta de entradas a través da web

 

O ciclo ‘Mestre Mateo’ continúa en Ponteareas coa proxección do documental ‘A virxe roxa’Ponteareas continúa acollendo novas sesións do ciclo ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que traerá á vila do Tea ata novembro e de forma gratuíta as películas gañadoras e finalistas nos premios do cinema galego.

 

A segunda cita será este sábado 23 de abril ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal co documental ‘A virxe roxa’, unha obra dirixida por Marcos Nine baseada no caso real da parricida Aurora Rodríguez, que asasinou á súa propia filla mentres durmía. A moza era Hildegart Rodríguez Carballeira, unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española, que fora un experimento da súa propia nai, que a utilizou como medio para as súas ideas progresistas. Un true crime experimental de Nine que arroxa luz sobre un pasado tan escuro como pouco coñecido.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta nova sesión de cine e destaca a importancia para Ponteareas de “formar parte da primeira edición deste ciclo, no que só participamos cinco concellos de toda a provincia e que non só nos permitirá gozar de balde das mellores películas galegas do último ano, senón que tamén é un xeito único de achegar o noso audiovisual, o noso idioma e a nosa cultura á veciñanza”.

 

A entrada será de balde previa reserva a través da web.