O CDL posiciónase como un servizo decisivo para acadar a inserción laboral

A concelleira de Formación e Emprego anima á cidadanía a redeseñar o seu futuro laboral coas e cos profesionais do Centro de Desenvolvemento Local

Máis de mil cincocentas persoas recibiron formación e información no noso Centro de Desenvolvemento Local (CDL) ubicado na parroquia de Ribadetea. A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, explica que o CDL a pesar de ser un grande descoñecido desenvolve unha importante labor para acadar a inserción laboral e facer fronte ao desemprego. Engade tamén que a esta cifra hai que sumarlle os usuarios e usuarias da axencia de colocación e da oficina SMARTPEME da Deputación, departamentos cos que o CDL traballa de xeito transversal sempre na procura da inserción laboral.

Segundo a concelleira a colaboración das administracións e os esforzos do CDL por preparar persoas cun perfil axeitado ao mercado laboral fixo posible que no ano 2019 se produciran 72 insercións laborais directas. 59 a través de Axencia de Colocación, en empresas de Pontevedra e do Norte de Portugal e 13 a través de accións formativas, en empresas de servizos da comarca e provincia. “E tendo en conta que Ponteareas no ten tecido industrial, da de media 6 insercións laborais ao mes”.

O centro de desenvolvemento ofrece un servizo decisivo para acadar a inserción laboral polo que animamos a todas as persoas desempregadas e tamén ás traballadoras e traballadores en activo que queiran cambiar o seu rumbo laboral a que se asesoren coas e cos nosos profesionais”, explica Vanesa Fernández.

Neste ano 2019, 513 persoas recibiron formación de manipulador alimentos, alérxenos, aplicador de produtos fitosanitarios,prevención de riscos laborais,carretilleiro, autodefensa ou monitor de fútbol base ademais dos vinte participantes no obradoiro de emprego Coidar de Nós desenvolto en dúas modalidades (sociosanitaria e albanelería).

Ademais, tamén recibiron orientación laboral 990 persoas. A orientadora laboral explica que na súa oficina ofrécese información en materia de emprego e formación tanto regrada como non regrada analizando o perfil da usuaria/o e as súas intencións para guialo e deseñar a planificación de formación máis axeitada sempre pensando na procura da inserción laboral. Cunha simple chamada ao CDL, tanto esteas desempregado como en activo, pódese solicitar cita e as orientadoras laborais axudarán ao usuario/a a retomar os seus estudos, a redeseñar o seu futuro laboral e a definir a súa folla de ruta para a inserción laboral.

Dende o ano 1995 que abríu as súas portas o CDL está aberto a toda a cidadanía que precise formación e información, tanto para persoas desempregadas como para traballadores e traballadoras en activo. Nos últimos anos, o CDL intensificou o seu traballo na oferta de formación á carta para institucións, organismos e colectivos e apostou pola orientación laboral como ferramenta indispensable para a inserción laboral.

A cidadanía tamén pode atopar no CDL a oficina Smartpeme dependente da Deputación de Pontevedra e que este ano atendeu a 142 persoas ás que axudou a emprender e ás que ofreceu ferramentas para autoxestionar os seus negocios (marketing dixital, imaxe e ferramentas TICS…) ademais de organizar 43 seminarios.

No CDL traballan tamén coa axencia de colocación que este ano rexistrou 509 novos demandantes, tramitando 80 ofertas de traballo para 826 candidatos dos que 47 foron contratadas e contratados en España e Portugal.

A promoción do autoemprego tamén foi un dos obxectivos deste centro de desenvolvemento local.

Vanesa Fernández engade que así mesmo o CDL colabora e traballa de xeito transversal con todas as concellerías e departamentos do concello e tamén con institucións públicas e privadas como a Deputación, a oficina agraria, asociacións empresariais, federacións de deportistas, ONGs…