O CDL analizou hoxe novos cultivos e aproveitamentos para os terreos

O curso Depofroitos ofreceu hoxe a súa primeira formación que agora continúa de xeito on line e personalizado para asesorar e guiar a cada un e unha das emprendedoras

A concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, deron hoxe a benvida aos e ás participantes no curso Depofroitos ofertado pola Deputación de Pontevedra no Centro de Desenvolvemento Local (CDL).

Co obxectivo de revitalizar propiedades abandonadas, impulsar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que viven no rural, o enxeñeiro técnico agrícola Gerino Ferreirós ofreceu ao alumnado tanto asesoramento para a plantación destes e doutros froitos como para a súa posterior comercialización.

A plantación de froitos do bosque pode xerar uns ingresos complementarios para a economía familiar, ademais de rendabilizar e aproveitar terreos abandonados e convertilos en produtivos contribuíndo a evitar a propagación dos lumes e a reducir a pegada de carbono potenciando o consumo de produtos de proximidade, sinala este enxeñeiro técnico agrícola que salienta a alta participación e o grande interese amosado.

O curso continúa agora de xeito on line e personalizado asesorando a cada un e unha dos participantes na súa andaina tanto como agricultor como emprendedor xa que o que pretenden estes cursos é fomentar ao emprendedor e apoiar con todo tipo de ferramentas, formación e información ás persoas que viven no rural.

O contacto coa terra propicia tamén a inclusión no mundo laboral de persoas en risco de exclusión, axuda no tratamento de enfermidades mentais e fomenta e supón unha oportunidade laboral que cada vez máis está nas mans das mulleres.

O programa é cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a Fundación Biodiversidade a través do Programa EmpleaVerde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de calidade.