O barrio de Cillarga, na parroquia de Ribadetea, en Ponteareas conta xa con instalación de tecnoloxía Led na súa iluminación pública

Iluminación Led en Cillarga, RibadeteaO barrio de Cillarga, na parroquia de Ribadetea, é o primeiro barrio en contar con tecnoloxía led na súa iluminación pública, grazas á renovación integral das instalacións existentes, dentro do Proxecto de renovación das instalacións da iluminación pública exterior no Concello de Ponteareas, subvencionado polo Instituto Enerxético de Galicia, xunto coas achegas municipais, cun investimento total de preto de 40.000 euros.

Os traballos acometidos na renovación e substitución total da iluminación pública existente no barrio de Cillarga consistiron na substitución de 51 luminarias existentes de 80 W de vapor de mercurio por 51 luminarias de tecnoloxía led de 27 W de potencia, o que vai significar máis dun 60 % de aforro enerxético que redundará nunha importante diminución do importe na factura eléctrica, así como un beneficio medioambiental destacable. Ademais da substitución das luminarias existentes, instaláronse tamén novos soportes ( brazos) para as citadas luminarias que se adaptan á normativa actual, sobre todo no referente á seguridade e materiais empregados nos mesmos. Xunto á esta renovación total, procedeuse igualmente á reforma do cadro de mandos, da súa protección e medidas, equipándoo cun reloxo astronómico cuxa finalidade é controlar o acendido e apagado automático das novas luminarias en función da época do ano.
O goberno local de Ponteareas, a través do seu alcalde, Salvador González Solla, amósase moi satisfeito pola instalación destas luminarias de tecnoloxía Led, apostando polo uso racional das enerxías e polas medidas de aforro e eficiencia enerxética, así como pola óptima xestión dos recursos enerxéticos desde a administración local.