O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá o concerto infantil e familiar “Toc Toc”, de Pablo Díaz, este sábado en Ponteareas, da man de FalaRedes.

Copia de Tic TocTras uns meses repletos de éxitos, no que preto de 4.000 persoas gozaron do espectáculo do coñecido artista Pablo Díaz, “Toc Toc” ofrecerá este sábado o seu concerto en Ponteareas, ás 12:00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo. O acceso é libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

Destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias, nel a xente miúda da casa cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

“Tic Toc” rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, convertendo o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.

O concerto infantil-familiar “Toc Toc” chega este sábado a Ponteareas, da man do programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para as entidades pertencentes á rede, como é o Concello de Ponteareas.