O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá espectáculo de monicreques e música “A viaxe de Rosalía”

cartaz-aviaxe-de-rosalíaO Auditorio Reveriano Soutullo acollerá o espectáculo “A viaxe de Rosalía” o vindeiro domingo, día 1 de maio, ás 18:00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

 

Este espectáculo encádrase dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que impulsa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tamén en colaboración co Concello de Ponteareas

 

Da man da actriz Larraitz Urruzola, o espectáculo combina monicreques de mesa e música  e está inspirado na figura da escritora máis recoñecida da literatura galega: Rosalía de Castro.

 

A actividade, de 45 minutos de duración, está pensada para público xeral a partir dos seis anos de idade. A obra ten como fío condutor a Francisca do Campo, que leva século e medio contando a historia da súa querida afillada. Será, por tanto, a madriña que axudou a criar a Rosalía que traslade as vivencias cotiás e entrañables que foron conformando a personalidade da que máis tarde se convertería nunha das cimeiras das nosas letras.

 

A viaxe de Rosalía servirá para afastar algúns tópicos e coñecer máis de preto a historia dunha muller culta, valente e traballadora. Unha escritora que soubo reflectir maxistralmente o tempo que lle tocou vivir. Naquela pequena que Francisca criou están as vivencias que marcarán o futuro periplo vital dunha das mulleres máis importantes da historia de Galicia.
Con esta nova actividade, FalaRedes homenaxea por segunda vez a autora galega máis universal para contribuír a divulgar a súa figura desde a RDL. A obra xira arredor dos monicreques de Larraitz Urruzola, da música e da súa propia interpretación actoral. Pero A viaxe de Rosalía vai moito máis aló. Estamos diante dun coidado espectáculo no que traballou un recoñecido elenco artístico e técnico galego. Ademais da propia Larraitz (produtora, actriz e construtora dos monicreques), este espectáculo é posible grazas a un equipo composto por Lucho Penabade (autor e director); Luís Javier Iglesias (cabezas dos monicreques de Rosalía e aderezo); Olga Viéitez (vestiario e corpos de Rosalía); Mirari Urruzola (escenografía); José Luís do Pico (espazo sonoro); Juan Luís Rúa (fotografia) e Xosé Bocixa (vídeo).