O Auditorio Reveriano Soutullo acolle unha exposición itinerante con máis de 60 especies de réptiles, anfibios e artrópodos.

réptilesDo día 3 ao 9 de novembro, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá unha exposición de réptiles, anfibios e artóprodos, cuxo obxectivo e darlles a coñecer aos visitantes o valor naturalístico dun grupo de animais pouco coñecidos, os ecosistemas onde viven e o papel que ocupan neles así como as relacións do ser humano con estes animais. Esta exposición, organizada por Reptigalia, en colaboración co Concello de Ponteareas, poderase visitar polas mañás, das 9:00 ás 14:00 horas, e polas tardes, das 17:00 ás 20:00 horas.
A exposición está composta por 50 terrarios e unhas 50-60 especies de distintos animais. Os terrarios están totalmente acondicionados e decorados segundo as necesidades dos animais que albergan. Son recreacións dos hábitats de cada un deles, compostos por prantas naturais, troncos e iluminación adecuada e conta con diferentes tipos de ecosistemas representados: acuáticos, tropicais, terrestres, desérticos, etc.
A mostra vai dirixida a todos os públicos e, en especial, aos nenos que, acompañados das súas familias, poderán gozar dunha exposición interesante e pouco común, así como de información e charlas que serán dadas unha vez que o visitante o requira.