O Auditorio Municipal acollerá unha conferencia sobre Alfredo Guisado

O profesor Carlos Pazos será o encargado de recordar unha parte da obra deste escritor portugués con raíces ponteareás

 

cartel-conf-guisadoO vindeiro venres, 30 de outubro, terá lugar unha conferencia sobre o escritor portugués Alfredo Guisado na sala de usos múltiples do Auditorio Reveriano Soutullo. A disertación correrá a cargo de Carlos Pazos, profesor da Área de Estudos Españois e Hispanoamericanos na Universidade do Minho, situada nas cidades portuguesas de Braga e Guimaraes.

 

O título da conferencia é “Lisboanos do Condado: O político e escritor Alfredo Guisado”, e que ten obxectivo de homenaxear a difundir a obra deste escritor e político portugués, de pai ponteareán de nai mondaricense, que actuou de ponte entre Galicia e Portugal.

 

Alfredo Guisado sempre tivo un forte vínculo con Ponteareas, o cal traduciuse nunha clara implicación co movemento agrarista da vila. Guisado chegou a ser presidente da Sociedade Gandeira de Pías e do Partido Xudicial dos Agricultores de Ponteareas, ademais de colaborar activamente no xornal agrarista El Tea.

 

Carlos Pazos Justo (Redondela, 1975) é Licenciado en Filoloxía Galega e en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Este profesor acadou o  Premio Carvallo Calero de Investigación en 2009 co seu traballo “Traxectória de Alfredo Guisado e a sua relación con a Galicia (1910-1921)”. En 2015 publicou a súa Tese de Doutoramento, tamén relacionada con Alfredo Guisado, “Relaçoes culturais intersistémicas no espaço ibérico: O caso da trajetória de Alfredo Guisado (1910-1930).”

 

Esta conferencia enmárcase dentro do conxunto de actividades que a concellería de Cultura, xestionada por Hortensia Bautista, está a promover con motivo do Mes da Biblioteca. Ao longo deste mes de outubro xa foron organizados máis eventos como a actividade de animación “Catalina Lino Lina” na Biblioteca Municipal ou o contacontos “Ras! Contos Batracios” na Axencia de Lectura Municipal de Areas, entre outras.