O Auditorio Municipal acolle a representación de “Voaxa e Carmín” protagonizada por Mabel Rivera e Belén Constenla

A obra de teatro é X Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Será a partir das 20.00 horas o vindeiro domingo 12 de marzo que o público ponteareán poderá desfrutar desta comedia que reintrepreta a historia silenciada de Coralia e Maruxa, As Marías de Santiago de Compostela

 

Voaxa e Carmín é unha comedia interpretada por Mabel Rivera e Belén Constenla, é unha proposta de teatro de actrices que parte dun texto de Ester F. Carrodeguas, galardoado no 2015 na décima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia, que mestura o popular co contemporáneo cunha posta en escena que nos amosa unha Compostela virtual, deseñada por Roi Fernández (Sr.Pause) pola que pasean as personaxes.

Voaxa e Carmín dá voz a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías de Santiago de Compostela. Son moitas as persoas que día a día se fotografan coa estatua que as evoca no paseo da Alameda de Santa Susana, mais non todos saben a historia silenciada tras delas.

O trama comeza  con Maruxa e Coralia saíndo da casa, como cada día, maquilladas até a extenuación e vestidas a toda cor dispostas a dar o paseo das dúas como decotío polas rúas de Compostela. Pasear, saudar, mercar Sansón e galletas María, cumprimentar aos mozos ou insultar ás mozas.

Todo parece transcorrer sen cambio algún. Porén, hoxe non vai ser un día coma os outros: Coralia empurra a Maruxa a escapar das súas rutinas, tentando cumprir os seus soños. Arrancará así unha viaxe que abrirá feridas de guerra que volverán doer coma o primeiro día.