O alumnado do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós’ fórmase por primeira vez en lingua de signos

O alumnado do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós’ fórmase por primeira vez en linguaxe de signos

O Goberno municipal do BNG-PSOE trata así de axudar a superar a barreira da comunicación coas persoas xordas e con outras patoloxías coas que traballan as e os participantes na especialidade de atención sociosanitaria

A nova edición do obradoiro de emprego dual ‘Coidar de Nós’ do Concello de Ponteareas segue traballando a prol da inclusión, non soamente laboral dos seus veciños e veciñas, senón tamén social. Por primeira vez, o alumnado da especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e institucións sociais recibe formación específica en lingua de signos.

“Ademais de completar a aprendizaxe do alumnado, con esta iniciativa buscamos poder superar a barreira de comunicación coas persoas xordas ou con outras patoloxías coas que traballan as e os participantes no obradoiro de emprego, xa que moitas destas persoas teñen unha situación de desamparo no ámbito sociosanitario”, explica a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

Fernández salienta que a través desta formación dáse un paso máis para poder lograr a igualdade efectiva entre persoas usuarias e profesionais “cumprindo así coa atención as necesidades comunicativas que poden presentarse nunha situación de asistencia sociosanitaria, tanto na diagnose como durante os procesos terapéuticos”.

Trátase dunha innovadora formación de 20 horas que xa se está a impartir no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo e na Residencia Santa Ana do Concello de Ponteareas por unha docente experta.

Co obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’, dende o Goberno municipal do BNG-PSOE trabállase para favorecer a inclusión no mundo laboral da veciñanza ponteareá, mellorando a súa empregabilidade en sectores con alta demanda na vila e na contorna. Nesta quinta edición do programa 20 persoas accederon a este obradoiro de emprego dual nas especialidades de atención sociosanitaria ou albanelería, accedendo a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Ademais, neste período tamén se contrataron a seis traballadores e traballadoras para formar o equipo técnico docente que imparte a formación.

O obradoiro dual de emprego conta cun investimento de arredor de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 504.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.