O alumnado aprende a importancia da compostaxe

A concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, informa que se retomaron as actividades escolares sobre compostaxe impartidas dentro do Programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra ao que está adherido o Concello de Ponteareas.

 

Esta vez, o persoal técnico do CEIDA levará os obradoiros didácticos sobre compostaxe aos rapaces de Educación Infantil do CEIP Nosa Sra. Dos Remedios onde aprenderán coa actividade “os bichocos e a composteca” para que serve o compost, os animais implicados no proceso e a importancia de coidar a natureza.

 

En Ponteareas, dentro do Programa Revitaliza, levouse a cabo con éxito un proxecto piloto na Parroquia de Arcos, onde se repartiron composteiros individuais, xa que nas zonas rurais este tipo de compostaxe é a idónea. A concellería engade que tamén se está a fomentar a compostaxe no núcleo urbano coa instalación de centros de compostaxe comunitaria e adianta que está en proxecto a instalación de máis.

 

“É moi importante fomentar desde ben pequenos unha xestión dos residuos sostíbel e baseada nunha economía circular, onde o máis importante é reducir, logo reutilizar e, por último, reciclar”.

 

As actividades ofertadas para os centros educativos poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado sempre respectando as normativas sanitarias COVID.