O acto central das actividades programadas co gallo do Día de Rosalía de Castro emocionou aos asistentes

PresentacionO concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, presidiu o acto central conmemorativo do Día de Rosalía de Castro, acompañado dos encargados de dar vida á obra rosaliá, Carmeliña García e Xan Dacosta. Tras a presentación do acto polo concelleiro, no que glosou o currículo da rapsoda Carmeliña e agradeceu a presenza aos asistentes, pasouse ao recital propiamente dito, no que os recitadores acompañaron cada etapa vital de Rosalía cun poema descritivo do seu estado anímico ou da súa vida. Ao remate, unha nena do público e outros asistentes ao acto animáronse a ler algún poema da poetisa galega máis universal.

Os amantes da poesía rosaliá gozaron e emocionáronse no recital especial sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, a cargo de Carmeliña García e Xan Dacosta, encargados de dar voz á iniciadora do Rexurdimento da Literatura Galega, que se levou a cabo ás 20:30 horas na Sala de Usos Múltiples da Biblioteca Pública Municipal.

Este recital poético forma parte dos actos de celebración do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, organizados pola Biblioteca Pública Municipal, dependente da Concellería de Cultura, que dirixe Andrés Sampedro, coa finalidade de difundir a obra rosaliá. Ademais ao longo do mes de febreiro púidose contemplar unha exposición de debuxos e poesías de Rosalía realizados por escolares de Primaria dos centros educativos de Ponteareas. Igualmente, todos os usuarios da Biblioteca Pública Municipal foron agasallados con marcapáxinas conmemorativos do aniversario do nacemento da poetisa de Padrón.