Nun emotivo acto, a viúva de Juan José Pérez Labaca, recolleu a distinción honorífica de Fillo Adoptivo, que Ponteareas outorgou a título póstumo a Juan José Pérez Labaca, finado no 2014

labaca1A viúva e Juan José Pérez Labaca, Magdalena Diz Sotelino, recolleu este venres, día 13 de marzo, a distinción honorífica de Fillo Adoptivo, concedida polo Concello de Ponteareas a título póstumo, ao seu esposo Juan José Pérez Labaca, finado no 2014, persoa moi coñecida e querida en Ponteareas, onde ao longo de moitos anos desenvolveu o seu labor de profesor, escritor, investigador, divulgador dos costumes, tradicións e cultura de Ponteareas e comarca, así como foi membro da Corporación Municipal de Ponteareas durante varias lexislaturas.

Nun acto moi emotivo, levado a cabo no salón de sesións da Casa do Concello, baixo a presidencia do alcalde, Salvador González Solla, acompañado do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, e da viúva do homenaxeado, fíxoselle entrega a esta do diploma acreditativo da distinción de Fillo Adoptivo, a título póstumo, a Juan José Pérez Labaca, co cal o Concello de Ponteareas quixo recoñecer os méritos e a traxectoria de don Juan José Pérez Labaca a prol do concello de Ponteareas durante a súa vida, xunto coa certificación do acordo plenario do seu nomeamento, así como da insignia de solapa de ouro do escudo do Concello de Ponteareas. Ademais, do afecto e cariño de todos os veciños que o consideraban como un ponteareán máis, o alcalde destacou neste acto o labor de Labaca como cronista da vida e historia de Ponteareas.

A familia do homenaxeado estivo arroupada polos membros da Corporación, autoridades, amigos e veciños que viñeron ratificar coa súa presenza o sentir popular deste nomeamento .

Así mesmo, este acto ao que asistiu numeroso público que fixo pequeno o salón de sesións, contou ao longo do mesmo coa interpretación musical de “Voces do Arrieiro”, grupo de música popular ligado e tan querido por Juan José Pérez Labaca, que interpretou varias cancións na honra da memoria do homenaxeado.