Novos cursos de balde da aula CEMIT de Ponteareas para xuño

            A concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez informa que abre o prazo de inscrición dos novos cursos que oferta a  Aula CEMIT ubicada no Centro Social na rúa Oriente.

            Neste mes de xuño a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos de manexo básico de móbil Android para maiores; de iniciación ao procesador de textos LibreOffice Writer; de retoque fotográfico co ordenador (GIMP); de restauración de fotos antigas co móbil e IA; sobre aplicacións de retoque e mellora fotográfica no móbil; e sobre a creación de publicacións na nube (CANVA). Todos estes cursos serán e presenciais e en grupos reducidos, que teñe o obxectivo de mellorar o seu manexo do teléfono móbil/tableta e das súas aplicacións para a procura de información, para a realización de xestións coas administracións e para facilitar ferramentas dixitais que lle axuden no ámbito social e familiar.

A estes cursos presenciais tamén se engaden dous en formato online, sobre iniciación ao WordPress e sobre deseño gráfico con software libre (Inkscape, etc.).

            A inscrición nos cursos pode realizarse na seguinte ligazón  https://cemit.xunta.gal/gl/centro/59

            O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención do aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30hrs.

            A aula CEMIT ofrece formación informática totalmente de balde axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía, por este motivo o responsable dos cursos recorda que as persoas interesadas poden achegar á aula CEMIT suxestións para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

            “O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, explica Benito Márquez, engadindo que “tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEMEs as vantaxes da Sociedade da Información”. O edil tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.       

            Para obter máis información ou trasladar as súas necesidades formativas, as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de whatsapp no número de teléfono 634 238 962 ou de correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal.