Nova edición en Ponteareas do “Obradoiro para nais e pais”

concelloO Concello de Ponteareas, un ano máis, está desenvolvendo unha nova edición das “Escolas de nais e pais”, organizado pola Concellería de Servizos Sociais, a través do Departamento de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos.

Desde esta área da Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Rosa Carrera, considérease moi importante levar a cabo iniciativas como esta que son obxecto de tanto interese por parte dos pais e nais, con gran demanda social, e que, impartida pola psicóloga e educadora familiar do Concello de Ponteareas, pretenden axudar a dar respostas a determinados temas relacionados coa educación dos fillos e fillas.

Nesta escola preténdese informar, asesorar e formar as nais e pais, ao tempo que se intercambian experiencias e coñecementos entre os distintos participantes para a importante tarefa de actuar como pais e nais, tendo en conta que todo repercute no desenvolvemento da personalidades dos fillos e fillas, así como na actitude e aptitude escolar e no desenvolvemento dunha vida máis saudable. Convértese nunha actividade participativa, activa e atractiva, que se complementa coa reflexión conxunta a través de sesións de dinámicas en grupo. Os temas que se tratarán xirarán en torno a varias preguntas, como son: ¿como educamos?, ¿como pór normas e límites?, ¿como comunicarnos mellor cos nosos fillos? ou ¿como mellorar a autoestima dos nenos?

Este obradoiro estase levando a cabo no Centro de Servizos Sociais de Ponteareas desde o día 13 de marzo, primeira sesión, en horario das 10:00 ás 11:30 horas, e terá continuidade os días 27 de marzo, 10,17 e 24 de abril no mesmo horario.