Nota informativa do Concello de Ponteareas sobre a piscina municipal

Visita realizada ás instalacións da piscina municipal.

Diante das informacións publicadas en días pasados poñendo en dúbida a seguridade das instalacións da Piscina Municipal, o Concello de Ponteareas informa á opinión pública.

  1. Previsión e prevención

O Goberno foi quen detectou o problema

O Goberno Municipal xunto á empresa concesionaria da piscina foron quen detectaron os problemas de filtracións na cuberta da Piscina Municipal. Por iso, o Goberno encargou a redacción dun proxecto de remodelación completa das instalacións para resolver ese problema e ao mesmo tempo renovar e modernizar por completo un vello equipamento que conta con máis de 30 anos. O proxecto foi entregado ao Concello en maio de 2022 e xa no mes de xuño presentouse á convocatoria de subvencións do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (PIREP) para poder financiar o seu custo: 1,8 millóns de euros.

Ante o avance das filtracións coas choivas do outono, o Goberno, demostrando previsión e preocupación, encargou en novembro de 2022 un informe técnico para coñecer con exactitude o estado da cuberta por se fora necesaria algunha medida preventiva mentres non se executa a grande obra proxectada.

Despois dunha visita de inspección, o informe foi enviado ao Concello o 23 de novembro de 2022 indicando que de 12 puntos da cuberta danados 10 “no revisten peligro inminente (ni a medio plazo la mayor parte de ellas)”. Sobre os outros dous puntos da cuberta en peor estado o informe sinala que “no se aprecia riesgo inminente de desplome, pero es necesario adoptar medidas preventivas a la mayor brevedad posible”. E o informe recomenda “disponer redes de seguridad bajo las dos alineaciones de correas dañadas”.

  1. Dilixencia e implicación

O Goberno actuou dende o primeiro intre resolvendo o problema

O técnico autor do informe adiantou as conclusións ao Concello o día 18, cinco días antes da entrega do informe completo. E o Goberno contactou por correo electrónico con empresas capacitadas para realizar os traballos xa o día 22, é dicir, incluso un día antes de recibir o informe completo. A partires de aí sucedéronse diferentes visitas ás instalacións por parte das empresas para analizar a execución dos traballos de colocación das dúas redes e realizar ofertas para a súa execución. Nas visitas puxéronse de manifesto as dificultades para realizar o traballo que xa advertía o informe ao referirse ás “limitaciones de acceso para maquinaria al interior de la instalación”. No mes de decembro e a mediados de xaneiro as empresas presentaron as súas ofertas e proposta de execución dos traballos, ofrecendo realizalos en fin de semana ou noites para non interromper a actividade. Logo de numerosas xestións para poder dispoñer dunha plataforma elevadora adaptada ás características da instalación, no mes de febreiro iniciáronse os traballos contemplados no informe e executáronse xa outros traballos de prevención que reforzan os recomendados en dito informe. En conclusión: dende que se recibiu o informe a finais de novembro, o Concello, coa concesionaria e varias empresas, realizou xestións continuadas en decembro e xaneiro até conseguir executar os traballos en febreiro.

  1. Seguridade

Non existiu nin existe risco de danos para as persoas

O informe realizado en novembro descartou expresamente calquera risco de danos inminentes. O informe non estableceu, entre as medidas preventivas a tomar, o peche das instalacións ou a suspensión das actividades mentres non se instalasen as redes. O servizo continuou funcionando con normalidade sen que se producira ningunha incidencia e xa foron executadas medidas preventivas de acordo con indicacións técnicas, estando outras en execución.

  1. Transparencia

Os informes e as actuacións están documentadas

O Goberno actuou con total transparencia e non se ocultou nada. Todas as actuacións están documentadas e pódense acreditar. A visita de inspección previa ao informe realizouse coa presenza dos responsábeis da empresa concesionaria da Piscina Municipal; o informe foi remitido polo técnico redactor á Oficina de Urbanismo e tamén ao concelleiro de Deportes e reenviado ás empresas contactadas para realizar os traballos; os contactos e xestións coas empresas están rexistradas en correos electrónicos, mensaxería electrónica e chamadas telefónicas. Nas visitas das empresas ás instalacións para avaliar a execución dos traballos tamén estiveron presentes os responsábeis da concesionaria.

  1. Confianza

As persoas usuarias confiaron na seguridade das instalacións

O Goberno lamenta que se xere alarma e intranquilidade social sen fundamento sobre a seguridade das instalacións da Piscina Municipal. Así mesmo, agradece a resposta do persoal das instalacións e das persoas usuarias, que confiaron na seguridade que garante a Administración e mantiveron a ocupación habitual das instalacións deportivas.

  1. Capacidade

O Goberno ten preparada a remodelación completa da piscina

Como xa se indicou, o Goberno municipal actuou con competencia e capacidade redactando un ambicioso proxecto acompañado dun proceso de participación con todos os actores: concesionaria, Club de Natación, grupos municipais, asociacións de persoas con discapacidade e Consello da Infancia e Adolescencia. O Concello está pendente de obter 1,8 millóns de euros para executar este proxecto de reforma integral da Piscina Municipal que inclúe ademais do cambio de cuberta, actuacións na estrutura, o cambio das vigas danadas polo paso do tempo, o uso de biomasa para xerar calor e de sistemas de autoconsumo solar, a reforma dos vestiarios para modernizalos e, en definitiva, a remodelación dunhas instalacións vellas e deterioradas logo de máis de 30 anos para convertelas nun espazo moderno, eficiente enerxeticamente e plenamente accesíbel.

Vigas de madeira aseguradas con recubrimento metálico de protección
Vigas de madeira aseguradas con recubrimento metálico de protección.