“Noites ao Vivo” ofrece nesta fin de semana maxia e música nas rúas de Ponteareas

 

O programa “Noites ao Vivo”, posto en marcha polo Concello de Ponteareas na súa programación de verán co apoio da Deputación de Pontevedra, achega esta fin de semana dúas novas actividades que se celebrarán, coas pertinentes medidas de seguridade, coas rúas da vila como escenario.

Mañá venres 31 de xullo, ás 21:30 horas, terá lugar un espectáculo de maxia a cargo do Mago Richard na rúa Fernandez Vega, no espazo creado entre o auditorio e o mercado municipal. O Mago Richard, con máis de vinte anos de experiencia , ofrece unha representación cargada de maxia, ilusión e fantasía na que fará participar aos máis cativos nos seus números.

O sábado 1 de agosto a música será a protagonista. “Dous”, o dúo formado por Fernando Abreu aos clarinetes e Pablo Carrera ás guitarras, deleitará a veciñanza coas súas cativadoras melodías dende as 22 horas na Rúa Rogelio Groba. O dúo mistura influencias de músicas do mundo e improvisación, pondo en escena un repertorio de composicións propias no que afondan na busca da emoción, convidando a quen o escoite a unha viaxe a través dos sentidos.