
A alcaldesa deu os parabéns ás persoas medallistas por un recoñecemento que reflicte “a imaxe dunha vila colaborativa, artística, musical e acolledora como poucas”
No acto rendeuse unha homenaxe in memoriam a Consejo Bautista e Leandro Monteiro, os avós do Corpus
Emoción, orgullo e moitos, moitos aplausos na gala de entrega de medallas de prata do Corpus Christi de Ponteareas 2023 ás e aos alfombristas elixidos polas entidades de cada tramo co apoio da corporación municipal, “unha proposta que demostra o valiosos e valiosas que sodes para o voso colectivo, para o Concello e para Ponteareas”. A alcaldesa, Cristina Fernández, daba os parabéns a todas e todos os galardoados nun auditorio municipal ateigado de público, ante o que gabou a última edición desta Festa de Interese Turístico Internacional. “Fomos quen un ano máis de sacar o mellor de nós para poñer en valor e difundir a expresión artística efémera de maior dimensión da nosa vila, as nosas alfombras florais”, resaltou.
A rexedora quixo salientar que “o traballo alfombrista nunca defrauda, sempre aprendendo e innovando durante todo o ano para que o resultado final sexa inesquecíbel para todas e todos. E a nosa infancia e mocidade vén pisando forte e está preparada para actualizar, renovar e facer que as alfombras do Corpus Christi de Ponteareas duren outros 150 anos máis”.
Cristina Fernández quixo lembrar que, a pesar de todo o camiñado, aínda “debemos seguir traballando para que as visitas a Ponteareas non se limiten á noite que ninguén durme nin ao domingo, senón que veñan visitantes toda a semana previa e poidamos amosar así o noso potencial turístico, patrimonial e de eventos de todo tipo”. As persoas que se acheguen, como recordou a rexedora, atoparanse coa imaxe “dunha vila colaborativa, artística, musical, deportiva e acolledora como poucas, inclusiva e participativa nunha manifestación tradicional e ancestral que nos une nun paraugas de traballo, respecto e tolerancia”.
Pola súa banda, María Ángeles Fernández Lago, do tramo do Arco da Vella, e en representación de todas e todos os galardoados, asegurou que “recibir esta medalla é un orgullo, un orgullo cheo de humildade ao ser outorgado por todas e todos vós”.
Durante o acto tamén se realizou unha sentida homenaxe in memoriam a Consejo Bautista e Leandro Monteiro, os avós do Corpus, que se dedicaron en corpo e alma ao Corpus Christi de Ponteareas, dúas persoas entrañables, loitadores, moi traballadoras e apaixonadas desta festa grande que durante moitos anos foron os auténticos artífices do tapiz floral da rúa dos Ferreiros.
Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi de Ponteareas foron:
- Pedro González Sacramento (La Orotava)
- María del Carmen Groba Varela (Praza Bugallal)
- Ines Sertaje Carballido (rúa Oriente)
- Susana Rodríguez Porto (Praza Maior 1º tramo)
- Roberto Mera Covas (Praza Maior)
- Margarita Táboas Abril (Ferreiros 1º tramo)
- Mónica Martínez da Cruz (ANPA Pena do Equilibrio)
- Ana María Barros Carrera (Ferreiros-San Roque)
- Marta Amil Lago (Fonte do Baratillo)
- Fernando Centenera Martínez (Fernández Vega)
- María Ángeles Fernández Lago (Arco da Vella)
- Pilar Domínguez Fornos (Cantón de Boavista)
- Sara Nieto Pereira (Castiñeira)
- José Carlos Pérez Bautista (Prado)
- Rosa Álvarez Sousa (Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio)
- María del Carmen Pérez Martínez (As Monxas Reveriano Soutullo)
- Laureano Covelo González (Reveriano Soutullo)
- Alvarina Álvarez Boente (rúa Constitución)