Nogueira contará con 15 oficios artesáns na cuarta edición da súa Mostra

O vindeiro domingo, 8 de maio, dende as 11:00 até 21:00 horas será posible visitar a particular aldea de época desta parroquia ponteareá

cuarta-mostra-artesá-nogueira-4A Asociación “Tempo de Lecer” de Nogueira ten toda a organización a punto para celebrar a cuarta edición da Mostra de Artesanía Tradicional, que este ano terá lugar o 8 de maio nesta parroquia de Ponteareas.

Dende as 11:00 e até as 21:00 horas será posible visitar a que os membros da propia asociación definen como “a nosa aldea”, un escenario completamente ambientado que contará cun total de 50 postos nos que se poderán visualizar demostracións de 15 oficios artesáns diferentes.

O acto oficial de presentación da Cuarta Mostra de Artesanía Tradicional de Nogueira tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e xuntou a varios membros da Asociación “Tempo de Lecer” co alcalde ponteareán, Xosé Represas, a edil de Cultura, Hortensia Bautista, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso.

nogueira-mostraRepresas describiu a mostra como “unha cita obrigada para todas as persoas da área metropolitana de Vigo que se dedican a desenvolver distintos oficios de artesanía e para todas aquelas que gustan de contemplalos; catro edicións avalan o magnífico traballo que se está realizar dende a Asociación”.

Un traballo que tamén está a dar os froitos en forma de recuperación dalgúns oficios, como por exemplo “o de serrador, que volve ter presenza en Nogueira despois de moito tempo e grazas á posta en marcha de iniciativas como esta Mostra”, recoñecen dende a Asociación “Tempo de Lecer”, ao mesmo tempo que cualifican esta iniciativa como un “encontro cuxo principal obxectivo é o restablecemento de oficios de artesanía”.

Serradores, barbeiros, zoqueiros, cesteiros, latoeiros ou cristaleiros son só algúns exemplos de todos os oficios que contarán co seu espazo nesta Mostra de Artesanía de Nogueira, dos cales “un 95% foron exercidos algunha vez na propia parroquia”, tal e como aseguran dende a Asociación.