Nai, mestra, escritora… Susana Lamela publica a súa primeira novela para adultos

Susana Lamela, Santiago de Oliveira, escritora e mestra de sexto de primaria no CEIP Nosa Señora dos Remedios… Desculpen, non, Susana páranos para aclarar: “nai, mestra, escritora… nesta orde, creo”.

A ponteareá Susana Lamela presenta o sábado día 16 ás 18 horas no salón de plenos do Concello a súa primeira novela “Invisible, con maleta verde e zapatos vermellos”.

-Unha escritora de libros para nenos que se mete na pel dunha nena para contar unha historia para adultos… o mundo da infancia sigue presente?

Si claro, sobre todo porque na cabeciña da nena continúa presente a fantasía, feito moi importante para que logre superar ese ano no internado.

-Tan só para adultos?

Nun principio, pola época na que ocorreu a historia e como está narrado, está pensado para adultos pero, ao ser unha nena a protagonista, o público xuvenil estase a sentir identificado e empatiza con ela.

-Ten moito de autobiografía?

Non, é unha historia real, que non é a miña, pero con feitos inventados e agora é a persoa que le a que ten que resolver o reto de descubrir cal é a parte real e cal é a de ficción.

-De bágoas ou de sorrisos?

É un drama con moita retranca e cun final inesperado. Podemos dicir, que é unha novela na que hai que empregar os lentes “de ler entre liñas” para captar as mensaxes que intenta transmitir.

-Ademais de atreverse con este xénero… lánzase ao mundo editorial

A editora Bárbara Fiore foi a miña inspiración para lanzarme ao mundo editorial. Bárbara Fiore edita os proxectos nos que cre, os que teñen alma sen atender a tendencias nin a cifras. E iso só o podes lograr se o fas ti mesma.

-Permanentemente aprendendo, tamén fará de distribuidora…

Hai moitos xeitos de facer autoedición pero faltaba a distribución. Elixín Amazon porque conxuga as dúas cousas e aproveitando a miña experiencia no mundo editorial de libros de texto e a miña paixón pola creatividade, atrevinme a tomar as rendas de todo o proceso.

-Esta é unha novela 100% Susana Lamela

Si, porque o feito de facelo eu, permitiume arrodearme dos meus. Para as ilustracións contei coa miña amiga, Ana Mariño, e co meu compañeiro de viaxe Abel Rodríguez. A fotografía foi cousa das miñas sobriñas, a fotógrafa foi Mar del Valle-Inclán Lamela e a modelo da portada Lara del Valle-Inclán Lamela. Para a revisión lingüística contei con outra das miñas amigas, Laura Montes, e do resto, creación da portada, edición, textos, maquetación, distribución… foron tarefas das que aprendín moito.

-Tan 100% que traspasa as barreiras do familiar

Si, quero agradecer ás librerías da comarca o seu apoio ao incluír o meu libro na súa oferta literaria, á protagonista da historia por confiarme un anaco da súa vida para que o convertese en parágrafos e ás amigas que me estiveron acompañando en todo momento.

-Unha infinidade de traballos non?

Detrás dun libro agóchase moita xente que pon a súa dedicación e cariño. Son a suma da ilusión de moitas persoas que cren no teu proxecto e máis no meu caso, no que non se trata dun produto industrial se non máis ben dun soño. É case un produto artesán, feito grazas ao contacto humano.

Un milleiro de traballos e anécdotas que tan só poderemos escoitar na presentación da man da autora e dos seus colaboradores.

E ademais, non te esquezas, que ese día revelaremos a identidade da protagonista.