Nada semella o que é na exposición de pintura e escultura de Yani

Calquera idea pode ser transformada en arte, calquera material pode evocar soños e calquera soporte pode amosar unha obra de arte, este é en resumo o concepto do creador e artistas Juan Ibañez de Juana (Yani).

Baixo o nome artístico de Yani, este burgalés vinculado a Ponteareas exhibe no 

auditorio municipal catro esculturas e un conxunto de cincuenta creacións que recrean soños, a traxectoria vital do artista, denuncia social, ilusións e un sinfín de sentimentos trasladados a lenzos pouco habituais. 

Un marco de metal que non o é, un espello de madeira que agocha coiro e moitas pinturas que aproveitan todo tipo de materiais nos que o refugallo aínda que non é aparentemente visible, é un denominador común nas pezas de Yani.

Este resumo da súa extensa colección están realizados en tódolos materiais que o espectador se poida imaxinar, estas obras son para ollar moi de preto, para investigar e descubrir os

 matices, os movementos de boneca, os materiais diminutos que se agochan en cada pincelada, a textura e os espías que toda obra esconde. 

Da guarnicionaría á tapicería clásica e de aquí ao traballo artesá no que manexa todo tipo de técnicas e materiais e no que convida a atreverse con calquera soporte porque para crear todo é válido e posible.

O mundo dos soños, dos desexos, as experiencias vividas ou o comproiso social están presentes neste mar de delirios creativos que se pode visitar ao longo deste mes no auditorio municipal de Ponteareas.

En horario de mañá e tarde, esta exposición de pintura e escultura oferta ao espectador a explicación guiada do propio autor capaz de trasladar aos visitantes cada emoción agochada nos cadros. Nada semella o que é nesta colección de cadros, espellos, esculturas, autoretratos, cartaces…

Todos os que visiten esta colección de arte participarán na creación dunha obra colectiva que recollerá as súas pinceladas. Yani convida a tódolos visitantes a participar neste cadro colectivo da mostra de Ponteareas.