Música, danza e unha xuntanza cabalar esta fin de semana en Ponteareas

Concertos de rock, o festival “Danzando entre Culturas” e a marcha “Ponteareas a cabalo” ocupan a axenda cultural para esta fin de semana

junglejulia_metA concellería de Cultura, xestionada por Hortensia Bautista, continúa coa programación prevista para este verán e abrirá o mes de agosto con dous concertos de rock na rúa Darío Bugallal. Os grupos “Jungle Julia” e “Met” actuarán o sábado, día 1 de agosto, na rúa Darío Bugallal, ao carón da Casa do Concello. O espectáculo ofrecido polas dúas bandas ponteareás dará comezo ás 23:00 horas.

O domingo, 2 de agosto, a actividade empeza dende primeira hora na Carballeira do Candeira, situada na parroquia de Celeiros. A Asociación “Ponteareas a cabalo” organiza a oitava edición da Xuntanza Cabalar, que contará cun percorrido de 8 quilómetros. Os participantes na marcha poderán levar un agasallo de recordo e gozar dun almorzo á metade do percorrido, unha comida aberta ao final do mesmo e xogos populares e ecuestres durante a sesión vespertina.

A fin de semana será pechada polo Festival internacional “Danzando entre Culturas”, organizado pola Asociación Algazara e no que participarán asociacións de baile procedentes de Taiwán e Eslovaquia, no parque da Feira Vella a partir das 21:30 horas.

Ademais, o Centro Artístico Sportivo mantén aberta a exposición de pintura “Sabores”. A pintora viguesa Isabel Cabaleiro é autora dunha mostra que mestura técnicas de papel e acuarela e que permanecerá aberta ata o 8 de agosto, en horario de 11:00 a 23:00 horas.