Moda Curvy con premio dende Santiago de Oliveira ao resto do mundo

O Concello de Ponteareas recibíu hoxe no salón de plenos á emprendedora Ana Belén Ledo e Eduardo Emilio Vigo que dende a parroquia de Santiago de Oliveira levan o nome de Ponteareas ao mundo da moda non só en España se non máis alá das fronteiras da península. 

Dende o ano 2008 deseñan e confeccionan moda feminina para tallas dende a 42 a 60 que, a día de hoxe, venden en países como Alemania, Francia, Italia, México ou Portugal ademais de España.

Trinta empregadas e catorce comerciais producen e dan cobertura a tódolos pedidos que chegan dende os máis de douscentos puntos de venda que comercializan as prendas de Victoria 56. 

Nesta semana recibiron en Madrid a medalla de ouro que outorga a Asociación Española de Profesionales de la Imagen (A.E.D.E.P.I) en recoñecemento ao seu prestixio e traxectoria profesional no mundo da Imaxe. Petro Valverde, presidente da Asociación, entregou a Ana Belén Ledo este galardón co que tamén foron distinguidas prestixiosas marcas como Hunter y Gatti,o laboratorio ISDIN, Hairstaff, Beauty Max, Imagiren, ou IBEROCEL, entre outras empresas relacionadas coa Imaxe e o coidado persoal.

Sorprendidos por este recoñecemento que non agardaban agradecen a A.E.D.E.P.I que se fixara no seu traballo e a tódolos clientes que apostan pola súa marca.

Co obxectivo fixado en satisfacer a demanda dun público que non atopa moita oferta, esta emprendedora recoñece que os comezos foron duros pero que o traballo e o esforzo sempre teñen recompensa. 

Convencidos de que a moda curvy é moda e non simplemente vestirse, Ana Belén e Eduardo deseñan, confeccionan e comercializan para que ninguén renuncie ás últimas tendencias da pasarela independentemente da talla que vista. 

A apertura da súa primeira tenda que nacerá aquí en Ponteareas e a posibilidade de embarcarse no mundo do franquiciado son os proxectos que están nas súas primeiras páxinas da axenda. 

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a Concelleira de Comercio, Inés Vidal e a Concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández, quixeron darlle hoxe os parabéns, ofrecerlle o seu apoio e animala a seguir traballando dende a súa sede en Santiago de Oliveira.